top of page

A debate: prostitución ou non?

De mulleres en situación de prostitución, consumidores e proxenetas, a creadoras de contido, usuarios e axencias de management. Unha mesma realidade disfrazada de dixitalización ou unha nova expresión da sexualidade? O debate está sobre a mesa, e os argumentos son tan diversos como as posicións ao respecto. 

As interrelacións entre OnlyFans e prostitución 

Belén Castaño considera que “cada un xulga desde o descoñecemento e pensar que OnlyFans é simplemente pornografía é descoñecer o funcionamento da plataforma”. Para ela, OnlyFans conforma un espazo no que poder crear unha marca persoal, unha linguaxe propia e transmitir a idea de que coa súa vida “fai o que lle dá a gana”. 

“Que lle digan a unha muller que exerce a prostitución que o que estou facendo eu e o que fai ela son o mesmo, a ver que opina” 

Belén Castaño, creadora de contido en OnlyFans

Nunha liña paralela, pero certamente distante, María entende que a creación de contido en OnlyFans se poida concibir como pornografía, pero non como prostitución. Con todo, María admite que se pode chegar a traspasar esa liña entre pornografía e prostitución cando se producen encontros en persoa. Dentro de OnlyFans, moitos usuarios ofrecen altas cifras de diñeiro a cambio dun encontro presencial, o que se pode entender como un intercambio de sexo por cartos e por tanto unha forma de prostitución. “Hai xente que cae en quedar en persoa porque che ofrecen moito diñeiro, moitísimo”, apunta María.

“Que teña OnlyFans non quere dicir que non entenda as posturas que pensan fatal del. Como pornografía enténdoo, como prostitución non” 

María, creadora de contido en OnlyFans

Outras perspectivas

Na outra cara da moeda, as entidades apuntan que OnlyFans é a porta de entrada á prostitución, e que mesmo se dá captación de rapazas moi novas a través desta plataforma, ata mediante os videoxogos, engade a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero. A percepción é compartida polo EMUME da Garda Civil, que considera que “a pornografía é a antesala da prostitución”.  

 Técnicas do Programa Vagalume 

“OnlyFans é a porta de entrada á prostitución”

“Que pareza tan inofensivo

fai que sexa tan accesible”

Traballadoras da asociación Amar Dragoste 

As traballadoras de Amar Dragoste consideran que o mundo de OnlyFans e o da prostitución se atopan directamente conectados, unha ecuación na que tamén entra en xogo a pornografía, e onde “o feito de que pareza tan inofensivo fai que sexa tan accesible”. 

Para Verónika, extraballadora sexual, a prostitución non é equiparable a OnlyFans. Explica que esta plataforma consiste en traballo sexual, e considera que “buscar o concepto prostitución en OnlyFans é mesturar pornografía e trata”. Verónika engade que “o estigma evoluciona e cambia”, e que ter OnlyFans na actualidade non están tan mal visto como “ir traballar a un hotel cun cliente de prostitución”. 

“Resulta moi interesante ver como o proceso tecnolóxico xera sistemas que tamén son prostitución ou traballo sexual, e que para as novas xeracións non están tan mal” 

Verónika Arauzo, extraballadora sexual

Recomendarías OnlyFans? 

Nin Belén nin María recomendarían a plataforma a outras mulleres, só baixo necesidade económica extrema, “non o recomendaría se podes evitalo” di María. Na mesma liña, esta moza fala da necesidade de coñecer as consecuencias que pode xerar o facer emprego desta plataforma, especialmente cando se trata de mulleres novas, Belén insiste na importancia de valorar esa repercusión que a creación de contido en OnlyFans terá na túa vida

“Non o recomendaría se podes evitalo”

María, creadora de contido en OnlyFans

“Eu teño 42 anos e son unha muller independente, pero a unha rapaza de 20 anos, antes de que se meta [en OnlyFans], eu diríalle que o pensara dúas veces” 

Belén Castaño, creadora de contido en OnlyFans

bottom of page