Elas versus eles
As mulleres en situación de prostitución presentan unha serie de circunstancias comúns: vulnerabilidade, precariedade, cargas familiares non compartidas, violencia de xénero...
Os consumidores de prostitución só unha: son homes.
“Os clientes son teu pai, teu fillo, teu avó, teu mozo, teu marido... calquera”
Tatiana Conde, técnica de atención directa a mulleres en situación de prostitución
Establecer un perfil de muller en situación de prostitución é complicado, facelo para os consumidores resulta máis sinxelo. Tanto mulleres en situación de prostitución como consumidores presentan circunstancias heteroxéneas, que aínda así converxen en determinados puntos. Elas comparten a situación de precariedade, as necesidades económicas, as cargas familiares ou o trauma sexual. No caso deles, o denominador común reside no seu xénero: todos son homes. Tatiana Conde, técnica do programa Vagalume, explica que “non hai un perfil, mais todos son homes, os clientes poden ser teu pai, teu fillo, teu avó, teu mozo, teu marido... calquera“.
Fálase delas en feminino porque o 90% das persoas que exercen a prostitución en España son mulleres, e por tanto, as principais implicadas nesta realidade. Mais tamén resulta importante apuntar que un 3% son homes, mentres que o 7% restante corresponde a persoas trans, cuxo xénero non se identifica nos informes. Trátase doutros dous colectivos que acoden á prostitución en condicións similares ás das mulleres: situación de pobreza, dificultades económicas ou exclusión social localízanse entre os principais motivos. Amais, a problemática reside na falta de información e na exclusión destes dous colectivos nos recontos oficiais, que non reais pola inexactitude que caracteriza ás cifras.
Xénero das persoas que exercen a prostitución
De media, 9 de cada 10 persoas que exercen a prostitución son mulleres cisxénero, seguidas dun 7% de persoas trans cuxo xénero non se identifica nos datos oficiais e dun 3% de homes cisxénero
Elas
Segundo afirman fontes da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, as mulleres que se atopan dentro do sistema prostitucional presentan un cruce de causas que aumenta a súa discriminación. As entidades que traballan na atención directa confirman esta cuestión, ser muller trae consigo unha desigualdade estrutural á que se van sumando condicións como a pobreza, a migración, a situación irregular, e o estigma da “puta”.
Circunstancias
Motivacións
Procedencia
Idade
Nivel de estudos
Perfil psicolóxico
Fai clic nas iconas para saber máis
O perfil das mulleres en prostitución
Migrantes, en situación de pobreza e de irregularidade
As mulleres chegan a España enganadas, non coñecen as cuestións legais e a información que reciben é errada. Mesmo moitas das mulleres que viaxan a España sabendo que van exercer prostitución nunca estiveron nesa situación, e polo tanto descoñecen todas as implicacións que ten e as condicións nas que van vivir.
Tatiana Conde e Belén López, técnicas do Programa Vagalume
Motivación das mulleres para a entrada no sistema prostitucional
Case o 90% das mulleres que se atopa en situación de prostitución en España faino por unha necesidade económica
Fai clic na gráfica para ampliar a información
Verónika considera que a súa experiencia na prostitución non é equiparable á das demais mulleres. Agora cociñeira de profesión e activista de vocación, explica que “non todas as persoas teñen a capacidade de exercer prácticas sexuais con determinadas corporalidades, hai quen evoluciona a súa sexualidade de maneira que pode disociar un aspecto doutro”. A disociación é precisamente unha cuestión na que coloca o foco a psicóloga da asociación Amar Dragoste, que explica que as mulleres en situación de prostitución adoitan sufrila a raíz de experiencias traumáticas, así como da necesidade de manterse á marxe das actividades que exercen.
“Sempre foi por necesidade económica, eu ía pola economía, porque a dignidade non enche a neveira”
Verónika Arauzo, extraballadora sexual
Abuso sexual na infancia
Entre as persoas que exercen a prostitución salientan os traumas psicolóxicos na área sexual, que inclúen desde abusos durante a infancia e a adolescencia, a situacións de violencia de xénero con parellas adultas. Os abusos e violacións adoitan darse por parte de figuras de apego, o que leva a que moitas das mulleres en situación de prostitución normalizaran a violencia sexual no seo familiar.
Tatiana Conde e Belén López, técnicas do Programa Vagalume
Eles
Os propios consumidores de prostitución recoñecen que a busca de compaixón ou a imposibilidade de manter relacións sexuais de xeito consensuado son os principais factores que conducen ao consumo da prostitución. Aínda que eles non falan tan habitualmente de dominio e control, as mulleres que viviron centos de experiencias con consumidores apuntan, desde o anonimato, a cuestións derivadas do sistema patriarcal como “a necesidade de poder“ ou “o sentirse triunfadores“.
O imaxinario social
Explica Verónika Arauzo, extraballadora sexual, que os homes están preocupados polo imaxinario social que crea o patriarcado e por cuestións como “ter que aguantar a media hora que pagan”. Tamén adoitan acudir á prostitución para poder pagar por prácticas sexuais que non son quen de solicitar e manter coas súas parellas, ben polo carácter extremo das mesmas, ou ben polo lugar de vulnerabilidade no que os deixan.
Verónika Arauzo, extraballadora sexual
A hora do café
“Un banqueiro ás oito da tarde non pode xustificar que non chegue a casa coa familia, mais si ten liberdade de facelo ás once da mañá na hora do café”. Na actualidade, o desprazamento da prostitución aos pisos facilita esta rutina, xa que mentres os clubs se localizan en lugares apartados, os pisos poden atoparse indistintamente no centro das cidades ou na periferia.
Tatiana Conde e Belén López, técnicas do Programa Vagalume
Fai clic nas iconas para saber máis
Circunstancias
Motivacións
Procedencia
Idade
Nivel de estudos
Perfil psicolóxico
O perfil dos consumidores
Ricos ou pobres, consumir prostitución non é cuestión de clase
Universitarios, empresarios, mozos ou señores maiores que “ata tremen ao camiñar” apuntan desde as entidades. Tampouco as circunstancias económicas frean esta actividade, o común denominador dos consumidores reside na necesidade de dominio e poder.
Traballadoras da asociación Amar Dragoste