top of page

A prostitución

Unha palabra, doce letras e interminables implicacións. A prostitución non é unha soa, son moitas historias, vidas, persoas e sobre todo mulleres. As implicacións chegan ao social, o político, o económico, o cultural, o legal ou o psicolóxico.  Non é a prostitución senón o sistema prostitucional.

 

Que é a prostitución

Unha pregunta breve e directa, aparentemente sinxela, cunha resposta que abre a porta a todo un complexo e arrevesado sistema, o denominado sistema prostitucional. Nel, as e os actores, as relacións internas e externas, sociais, económicas, psicolóxicas, políticas e legais darían para escribir centos de páxinas. Estas implicacións explican tamén o anonimato requirido por moitas das fontes coñecedoras desta realidade, persoas que por seguridade prefiren manter a súa imaxe fóra das cámaras. Mais volvendo ao inicio, as respostas á cuestión sobre que é a prostitución dependen, como en toda pregunta, de quen responda.  

Para Belén López e Tatiana Conde, técnicas de atención directa a mulleres en situación de prostitución do Programa Vagalume, “a prostitución é unha violencia machista máis, unha vulneración dos dereitos humanos”. Elas realizan traballo de rúa, acoden a pisos e clubs, e nesta entrevista manteñen a súa imaxe protexida tras a sombra.

As institucións galegas, mantendo o anonimato e personificadas na Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, consideran tamén a prostitución unha violencia machista que, afirman, “se vincula co tráfico de mulleres”. Por outra banda, desde a asociación Amar Dragoste, coas voces anonimizadas, contan que comparten esa mirada. As traballadoras desta entidade definen a prostitución como “unha forma de opresión sobre as mulleres e as nenas” e como “a compra dun corpo”. 

A experiencia e as vivencias mandan no caso de Verónika Arauzo, extraballadora sexual e agora activista regulacionista, que centra a súa definición da prostitución nas necesidades económicas, “nun modo de exercer e de crear economía”.  

Do outro lado, María, usuaria de OnlyFans, reflexiona a creación de contido na plataforma como unha posible forma de pornografía, pero nunca como prostitución. Tamén desde a experiencia, dentro do actual debate sobre se a actividade en OnlyFans é ou non é prostitución, Belén, creadora de contido, explica que para ela son “dous conceptos moi distantes”.

Que opina a sociedade?

En España identifícase unha tendencia abolicionista nos últimos anos, que se reflicte na percepción social que a cidadanía presenta en relación coa prostitución. Máis do 90% da poboación española, mulleres e homes, consumidores de prostitución ou non, coinciden en citar a necesidade económica e o sometemento como as principais causas do exercicio da prostitución. Mais un sector importante da sociedade continúa a considerala como unha actividade que se exerce voluntariamente para mellorar os ingresos e evitar outros traballos nos que, segundo as valoracións da cidadanía, os salarios son inferiores. 

As mulleres exercen a prostitución por...

Opinións da sociedade española sobre os motivos das mulleres para exercer a prostitución

Trata, explotación e traballo sexual

É importante diferenciar entre a trata de persoas e a explotación sexual, dous conceptos que adoitan empregarse erroneamente como sinónimos ou mesmo mesturarse. Trata e explotación son dous conceptos directamente relacionados e é un erro confundilos”, explican as técnicas do Programa Vagalume. A trata nutre a prostitución, e ten como posible consecuencia a explotación sexual. 

Por outra banda, o concepto de traballo sexual vincúlase máis cunha “elección libre, mentres que a prostitución si que se relaciona con ese sometemento e traballo forzado” explica Verónika, activista e extraballadora sexual segundo ela mesma se autodefine. Verónika relata que exerceu a prostitución por necesidade económica, pero non por sometemento de terceiras persoas, senón da sociedade e do sistema capitalista. 

Vítimas de trata por xénero e forma de explotación

Fai clic na gráfica para ampliar a información

Fálase de trata ou tráfico de persoas cando se produce a captación, transporte e acollida de persoas de xeito ilegal.

Esta actividade delituosa pode ter como finalidade a explotación sexual, pero tamén outras como a explotación laboral, o tráfico de órganos, a venda de bebés ou o matrimonio forzado.

A explotación sexual é por tanto unha consecuencia da trata, e enténdese como esa actividade na que terceiras persoas se lucran da prostitución allea.  

A captación 

“Hai redes, pero non macroredes, redes familiares: a veciña, a prima, a muller que está en España”

Tatiana e Belén, técnicas de atención directa a mulleres en situación de prostitución 

Tatiana e Belén falan de redes, pero aclaran que non se trata de macroredes como as que moitas veces reproduce o imaxinario colectivo, “hai redes, pero non macroredes, son redes familiares: a veciña, a prima, a muller que está en España”.  En moitos casos, son mulleres que pasaron previamente por unha situación de explotación e que, desde aquí, captan a outras que residen nos seus países de orixe. Tamén se dan casos de proxenetas españois que viaxan fóra para nutrir aos prostíbulos de mulleres.

 

Así, as propias redes vístense de familiaridade  e amizade. Son habituais as ofertas laborais de servizos domésticos e coidado de nenos e persoas maiores, en redes sociais e principalmente en grupos de Facebook. As mulleres, nos seus países de orixe, contactan con outras da mesma nacionalidade que residen en España para comentarlle cuestións sobre os bos salarios e as condicións laborais. Nese momento, comeza unha confianza a cegas, impulsada polo vínculo da nacionalidade. Posteriormente, o préstamo para a compra do billete de avión constitúe o primeiro paso da captación, así como da contracción dunha débeda que non deixará de crecer. 

Os métodos de captación, adaptados á cultura de cada muller

Os métodos de captación destas redes cambian en función do país e da cultura, unha realidade que desde Amar Dragoste, entidade de actuación estatal, coñecen de preto. As súas traballadoras detallan a maneira na que os proxenetas manipulan ás mulleres para a súa captación, baseándose en crenzas relixiosas e cuestións culturais.

Traballadoras da asociación Amar Dragoste

Confianza a cegas 

A raíz das ofertas de traballo, habitualmente publicadas en grupos de migrantes que se atopan en redes sociais baixo a denominación “[nacionalidade] en España“, as persoas que pensan na posibilidade de emigrar establecen contacto con outras da súa mesma nacionalidade. Estas adoitan ofrecerlle facilidades para chegar a España, que en realidade consisten nunha débeda que a partir dese momento non deixará de engrosar.

EMUME (Equipo Muller e Menor da Garda Civil)

O acceso a un club ou piso de prostitución

“Houbo un incremento de pisos nos que se exerce a prostitución, especialmente a raíz da pandemia”

EMUME, Equipo Muller e Menor da Garda Civil

A maior parte da prostitución actual localízase nos pisos, especialmente a raíz do aumento que se produciu durante a pandemia, explican axentes do EMUME. Estes espazos son máis clandestinos, discretos, e están dispoñibles ao longo de todo o día. Nun club pódese entrar libremente, non o mesmo nun piso. Un piso é unha vivenda, e está amparado pola inviolabilidade do domicilio, de modo que non se pode acceder a excepción de que os inquilinos o permitan ou de que se dispoña dunha orde xudicial. Mais para isto último é preciso dispor de indicios, explican axentes do EMUME (Equipo Muller e Menor) da Garda Civil da Coruña.

Por outro lado, nun club sempre hai máis xente, mesmo para pedir auxilio, mentres que nun piso iso non pasa. Así é que nestes se dan situacións de forte explotación por parte dos proxenetas e dos consumidores. A raíz desta inseguridade, son moitas as mulleres que deixan un televisor acendido noutra sala, para así dar a entender que hai máis xente nese piso. Ademais, adoita esixirse o pago antes de ofrecer o servizo, porque son moitos os consumidores que tratan de marchar sen pagar, ou que rouban os cartos unha vez rematado o encontro. Neste senso, a prostitución caracterízase polo illamento, xa que mentres que os clubs adoitan estar en lugares afastados, os pisos móvense no submundo da noite, con outros ritmos e horarios. 

Material vagalume.JPG

CLUB

A entrada é libre, e por tanto máis sinxela que nun piso, xa que os clubs adoitan estar identificados. Mais entrar non significa quedar, as persoas propietarias poden negarse a que as traballadoras das entidades permanezan no lugar.  

PISO

Para acceder a un piso existen dúas opcións. No mellor dos casos, a entrada dáse grazas a unha muller que exerce prostitución nese lugar, coñece a asociación, e permite a entrada ás traballadoras. Noutros casos, máis habituais, as técnicas realizan unha busca en páxinas de contactos e efectúan unha chamada.  

A CHAMADA

O teléfono dos pisos pode ser levantado por unha muller que exerce a prostitución ou non. Existen diferentes casos: 

Pisos autoxestionados 

As persoas presentes neste tipo de pisos adoitan ser mulleres cunha historia previa de prostitución que deciden exercer de xeito autónomo, como unha forma de facer fronte ás condicións dos proxenetas e das redes.  

A figura da telefonista

A telefonista adoita ter un rango superior na organización da rede, e encárgase de xestionar as chamadas para asignar os encontros ás mulleres. Nalgúns casos atende, nun mesmo teléfono, chamadas de diferentes provincias ou mesmo comunidades autónomas. 

A ENTRADA 

Se hai sorte, as entidades conseguen que se lles abra a porta. A súa chave de entrada é a entrega de material sanitario, cun paquete que adoita conter produtos sociosanitarios acompañados dunha tarxeta de información sobre a entidade. Unha vez alí, as traballadoras fanlle saber ás mulleres cal é o seu labor e que servizos ofrecen.   

Os encontros son, polo xeral, breves, xa que as circunstancias non permiten establecer unha conversa fluída nin confidencial coas mulleres. Nalgúns casos é posible falar do programa da entidade, noutros só se permite a entrada para deixar material e abandonar rapidamente o espazo. 

Kit de material sociosanitario do Programa Vagalume

O estigma da “puta” e as consecuencias na saúde

A sociedade asume unha serie de prexuízos sobre a prostitución, ideas que para as mulleres en situación de prostitución tampouco quedan á marxe. Estas rapazas crean a súa identidade baixo a concepción de “eu solo sirvo para isto”, apuntan desde Amar Dragoste. Esa identidade está, ao mesmo tempo, marcada polo “imaxinario sociocolectivo que a sociedade crea arredor do que significa ser puta” segundo explica Verónika Arauzo, extraballadora sexual. 

“É moi difícil que dentro desa identidade que se crea, que no fondo está malversada, non te definas con ela: es fácil, es como a xente entende que é unha prostituta” 

Verónika Arauzo, extraballadora sexual

Como consecuencia desta asunción, a maior tempo na prostitución, maior inseguridade senten as mulleres, “a liberdade asusta” explica a psicóloga da asociación Amar Dragoste, e moitas mulleres permanecen na prostitución polas cadeas, que non sempre son físicas: a vergoña, o estigma, as vivencias, o estrés postraumático... Tamén inflúe especialmente a culpa, xa que para moitas familias enviar a unha filla ao estranxeiro é un sinal de bonanza e de prosperidade, e esas mozas senten unha responsabilidade que non lles permite contar a realidade do engano ás súas familias. 

Consecuencias da prostitución na saúde das mulleres que a exercen

A saúde mental é a principal afectada polo exercicio da prostitución, con case un 80% de mulleres presentando doenzas deste tipo

Fai clic na gráfica para ampliar a información

As implicacións supoñen realidades como o non durmir, comer unha vez ao día, realizar prácticas sexuais violentas ou ser obrigadas a consumir drogas e alcohol.

 

Estas situacións xeran consecuencias físicas e psicolóxicas que repercuten, a curto e longo prazo, na saúde das mulleres en situación de prostitución. 

24 horas, 365 días ao ano

Moitas mulleres permanecen na prostitución polas dificultades para a saída. Atoparse nesa vida obriga, dalgún xeito, a quedarse aí. Ao mesmo tempo, moitas das mulleres deben estar dispoñibles todos os días e a calquera hora, independentemente do seu estado de saúde ou das súas necesidades.

Tatiana Conde e Belén López, técnicas do Programa Vagalume

bottom of page