top of page

Alegalidade

A nivel estatal e autonómico existe unha indefinición xurídica en relación coa prostitución. Non é legal, pero tampouco ilegal. Non é considerada un traballo, pero exercela e consumila pode supoñer multas de ata 3.000 euros.  Non se pronuncia o sistema xurídico estatal, pero si o fan os municipios. Aínda que non todos, nin do mesmo xeito.

“Ninguén pode ser condenado ou sancionado por accións ou omisións que no momento de producirse non constitúan delito, falta ou infracción administrativa, segundo a lexislación vixente naquel momento” 

― Artigo 25 da Constitución Española

En España, e por extensión en Galicia, a prostitución non é legal pero tampouco ilegal. A nivel xurídico non está considerada un delito como tal, aínda que tampouco existe regulación sobre ela. Fálase dun limbo legal, ou o que é o mesmo, unha situación de alegalidade. O exercicio e consumo da prostitución non poden ser sancionados, xa que todas as accións que non se recollen legalmente quedan fóra da xurisdición penal, tal e como recolle o artigo 25 da Constitución española: “ninguén pode ser condenado ou sancionado por accións ou omisións que no momento de producirse non constitúan delito, falta ou infracción administrativa, segundo a lexislación vixente naquel momento”. Con todo, son ilegais as actividades de proxenetismo e a trata de seres humanos, así como a prostitución no caso de menores e persoas con discapacidade. Estes delitos recóllense no Código Penal coas súas respectivas penas. 

Considera proxenetas aos intermediarios que obteñen beneficios da prostitución de terceiras persoas. Independentemente de que esas persoas aceptaran exercer a prostitución, considérase ilegal se sofren vulnerabilidade económica ou persoal.  

Prisión de 2 a 5 anos, multa de 12 a 24 meses

Proxenetismo

artigo 187

No relativo á prostitución, pénase a captación, transporte e acollida de persoas con fins de explotación sexual, incluída a pornografía.

Prisión de 5 a 8 anos

Trata de persoas

artigo 177 bis

Prostitución de menores e persoas con discapacidade

Quen acepte, solicite ou obteña relación sexuais cunha persoa menor de idade ou con discapacidade, alén do seu consentimento, cometerá un delito. A pena aumenta se a vítima é menor de 16 anos.  

Prisión de 1 a 6 anos

artigo 188.4

Desde a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero explican que a Administración autonómica adopta unha posición abolicionista. A Dirección considera que sería precisa unha lei integral que avogue pola loita contra a trata, así como unha modificación do Código Penal para a tipificación da prostitución como un delito. Neste sentido, a doutora en Dereito María Castro explica que “a solución non pasaría por unha reforma do Código Penal, xa que este debe operar como resposta última do ordenamento xurídico, cando xa fracasaron todas as alternativas”. A cuestión pasa entón polo “traballo na prevención”, máis que na penalización.

Equipo Muller e Menor da Garda Civil

O Equipo Muller e Menor da Garda Civil explica que axudar a mulleres que exercen a prostitución por necesidade económica resulta moi complicado. Esta axuda só é posible cando existe unha terceira persoa que se lucra desa actividade, e nese caso tamén é preciso poder demostralo. Os axentes tamén destacan que “o feito de que sexa alegal complica abordar esta cuestión, e ata que haxa unha reforma lexislativa será moi complicado”. Cando as autoridades acceden a un club ou a un piso, as mulleres afirman que se atopan nese lugar voluntariamente, pero é difícil que digan o contrario ante os seus explotadores, así como ante os axentes, nos que non adoitan confiar pola manipulación recibida acerca da súa figura.

Lei Mordaza

A coñecida como “Lei Mordaza”, a oficialmente Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo, de Protección da Seguridade Cidadá é o único texto legal que, alén do Código Penal, fai referencia á prostitución. Esta lei recolle no artigo 36 que a solicitude e aceptación de “servizos sexuais” na vía pública e preto de lugares destinados a menores, ou a realización desta conduta provocando un risco para a seguridade viaria, está penada cunha multa de entre 601 e 30.000 euros nos casos de maior gravidade. 

Verónika Arauzo, extraballadora sexual, engade que esta lei penaliza a prostitución precaria que se exerce na rúa, a máis vulnerable.

A nivel laboral, a prostitución non é considerada un traballo, polo que as persoas que a exercen non poden dispoñer dun contrato, pero si darse de alta como autónomas sen especificar a actividade. Con todo, as condicións do sistema prostitucional volven incoherente esta opción: mulleres en situación de irregularidade, explotadas sexualmente e cun forte descoñecemento do sistema administrativo español. 

Ordenamentos municipais

En diferentes localidades españolas existen ordenanzas municipais que sancionan economicamente a prostitución, con multas de ata 3.000 euros. En función da base destas ordenanzas, a abolicionista ou a regulacionista, a multa recae sobre o consumidor ou sobre ambas persoas. En España, a maioría das ordenanzas parten do recoñecemento da prostitución como unha violencia sobre as mulleres, polo que as sancións recaen sobre os consumidores. ​

Mais estas regulacións sancionan a prostitución na rúa, unha parte moi reducida da actividade posto que o groso se atopa nos clubs e especialmente nos pisos, o que implica que a efectividade desincentivadora destas ordenanzas é escasa ou practicamente nula.

Posturas legais

​As posturas con respecto á prostitución poden recollerse en dous grandes grupos, as teses abolicionistas e as legalistas, explica a especialista en Dereito Penal María Castro. As principais posturas son o abolicionismo, o regulacionismo e o prohibicionismo, e dentro dos tres grandes pronunciamentos é posible atopar, á súa vez, diferentes tendencias.

Fai clic para saber máis

Pola súa parte, Veronika, extraballadora sexual, denuncia que “o abolicionismo pretende loitar contra o que se ve, porque se non se miran putas non pasa nada“. Verónika considera que o abolicionismo busca erradicar o consumo, pero evita reflexionar sobre porqué se consume prostitución, porqué hai tantas mulleres ou porqué tan poucos homes.

Verónika Arauzo, extraballadora sexual e activista regulacionista

Neste sentido, no caso de España, a abolición resulta unha cuestión “bastante utópica” explica Castro, doutora en Dereito, que tamén apunta a que unha regulación sería máis probable. Regular, con todo, presenta dificultades como a distinción entre unha actividade voluntaria, dentro do que se entende como voluntariedade nun contexto de vulnerabilidade e pobreza, fronte aos casos nos que as mulleres son vítimas de trata e explotación. Ademais, os estados cunha lexislación regularizadora manteñen unha importante loita contra a explotación e a trata. 

“Que sería un risco laboral para unha traballadora sexual? Un embarazo non desexado, unha infección de transmisión sexual, unha cabezada contra un camión?” 

Psicóloga de atención directa a mulleres en situación de prostitución

Ao tempo, desde as asociacións explican que a regularización “só xustificaría que o dano que sofren as mulleres en prostitución poida ser recollido por convenio”. Ademais, os riscos laborais destas traballadoras sexuais tampouco se poden determinar, “que sería un risco laboral para unha traballadora sexual? Un embarazo non desexado, unha infección de transmisión sexual, unha cabezada contra un camión?” pregúntanse indignadas desde a asociación Amar Dragoste.  Ao mesmo tempo, a prostitución volveríase máis clandestina e oculta para evitar declarar os beneficios económicos. 

A adopción dunha postura determinada e a aplicación das medidas legais derivadas dependen de moitos factores, a doutora en Dereito María Castro explica que “se debe introducir un cambio de perspectiva na abordaxe político-criminal da prostitución, colocando o foco sobre a explotación e a trata”, debido a que estas actividades son só unha parte das redes e organizacións criminais de maior extensión. Polo tanto, sería preciso abordar a prostitución dun xeito transversal, á vez que se optimizan os recursos sociais e asistenciais para as vítimas. Castro conclúe engadindo que a “única evidencia clara é que a prohibición expresa da prostitución non é a solución”. 

“A única evidencia clara é que a prohibición expresa da prostitución non é a solución”

María Castro, doutora en Dereito especializada na área de Dereito Penal

bottom of page