A prostitución en cifras
As esixencias do sistema prostitucional fan que as mulleres, concibidas como mercadorías, sexan constantemente renovadas para ofrecer “novidades” aos consumidores de prostitución. Como consecuencia, unha mesma muller pode ser contabilizada en catro, cinco ou seis autonomías diferentes nun mesmo ano.
EN ESPAÑA HAI, COMO MÍNIMO,
EN ESPAÑA HAI, COMO MÍNIMO,
MULLERES EN SITUACIÓN DE
114.576
PROSTITUCIÓN
MULLERES EN SITUACIÓN DE
114.576
PROSTITUCIÓN
Cento catorce mil cincocentas setenta e seis é a cifra de mulleres oficialmente identificadas polo Ministerio de Igualdade no ano 2023. Mais as estimacións apuntan a que son en realidade case 170.000 mulleres as que se atopan verdadeiramente en situación de prostitución. Son tantas como poboación rexistrada en toda a comarca de Santiago. Fontes da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero explican que “falar de cifras resulta verdadeiramente complicado”, en parte pola condición de alegalidade na que se atopa a prostitución en España. Esta condición xurídica impide dispoñer dun reconto oficial de mulleres que se atopan dentro do sistema, así como da situación de cada unha delas.
En realidade son moitas mulleres máis
Ademais, estas estimacións tampouco responden á cifra real debido á gran mobilidade que existe dentro da prostitución. Segundo explican Belén e Tatiana, técnicas de atención directa a mulleres en situación de prostitución, as esixencias do propio sistema prostitucional fan que as mulleres, concibidas como mercadorías, sexan constantemente “renovadas para ofrecer novidades aos consumidores de prostitución”. Desde o Equipo Muller e Menor (EMUME) da Garda Civil confirman esta cuestión ao explicar que a rotación das mulleres se produce porque “se unha rapaza pasa moito tempo nun mesmo lugar, perde atractivo para os consumidores, por iso o que fan os proxenetas é rotalas entre comunidades autónomas”. A esta dificultade hai que sumar as cifras de todas aquelas mulleres que, ao atoparse en situación de irregularidade, non existen a ollos do sistema. Tamén aquelas ás que é imposible contabilizar polas propias dinámicas do sistema prostitucional. Así, a pesar de considerarse cifras oficiais polo carácter das investigacións, isto non significa que sexan reais.
Son cifras oficiais polo carácter das investigacións, pero isto non significa que sexan reais
Unha muller que hoxe está en Santiago de Compostela dentro dun mes pode atoparse en Alicante, e dentro de seis en Oviedo. A consecuencia é que, ao longo da realización dos estudos e informes, unha mesma muller pode ser contabilizada numerosas veces, ao mesmo tempo que outras non son nunca contabilizadas. No caso das primeiras, se o día un de estudo se recollen datos en Asturias, o día corenta en Murcia e o día setenta en Cataluña, esa muller puido pasar polos tres sitios e por tanto ser contabilizada en tres ocasións e autonomías diferentes.
A prostitución adoita ser o pano de fondo da trata, que á súa vez ten como fin a explotación sexual. Como ben apuntan as técnicas de atención directa e integral a mulleres en situación de prostitución, trátase de tres conceptos que non poden nin deben ser separados. De modo que falar de prostitución implica falar de trata, unha situación na que segundo os datos se atopan entre 9.000 e 18.000 mulleres en España. De novo, cifras abstractas, posto que para poder demostrar que existe explotación deberían aportarse unha serie de documentos que recollan o exercicio prostitucional, algo inexistente a efectos tanto legais como prácticos.
Prostitución e trata, da man
APROXIMADAMENTE
ENTRE
9.700 17.600
E
ESTÁN EN RISCO DE TRATA
APROXIMADAMENTE
ENTRE
9.700 17.600
E
ESTÁN EN RISCO DE TRATA
España é un dos principais países europeos receptores de prostitución, e tamén un dos moitos do sur de Europa. Desde os anos setenta, os cambios sociais e económicos, ademais do escenario de desigualdade entre as zonas desenvoltas e as máis pobres do planeta, propiciaron os movementos migratorios e o tráfico de persoas. Precisamente os conflitos, as crises e a falta de seguridade nos países de orixe é o que motiva a chegada de mulleres. Explica Belén, técnica do Programa Vagalume, que se conforma así unha ecuación onde “a inestabilidade social, económica e política nos países de orixe ten como consecuencia directa a entrada de mulleres en España”. Neste sentido, tanto as traballadoras do Programa Vagalume como as da asociación Amar Dragoste, que opera a nivel estatal, confirman que nos últimos anos as mulleres viaxan principalmente desde Latinoamérica. Unha vez en España, a distribución por comunidades amosa un importante contraste.
Mulleres en situación de prostitución por comunidades
Cataluña, Madrid e a Comunidade Valenciana son as autonomías cunha maior porcentaxe de mulleres en situación de prostitución.
“Madrid é o punto de chegada da maioría das mulleres”, explican desde o EMUME (Equipo Muller e Menor) da Garda Civil da Coruña. A capital é lugar onde aterran os voos internacionais, polo que resulta moi complicado chegar de Latinoamérica a outra autonomía española sen pisar primeiro Madrid. Por outra banda, as axentes do EMUME consideran que as altas cifras na zona do Levante e o Mediterráneo poden atribuírse ao turismo, xa que a zona da costa ten un carácter turístico que podería explicar esa alta concentración de mulleres.
EN GALICIA A CIFRA ASCENDE A MÁIS DE
4.053
MULLERES EN
SITUACIÓN DE PROSTITUCIÓN
Este dato sitúa á comunidade galega como a quinta de toda España con máis mulleres nesta situación. Un dato novamente non real, xa que segundo estimacións serían unhas 5.400 as mulleres que se atopan dentro do sistema prostitucional galego. Son as mesmas que toda a poboación empadroada en Guitiriz, Ortigueira, Abegondo ou Ponteceso.
Segundo estimacións, hai tantas mulleres en situación de prostitución en Galicia como habitantes teñen os concellos de Guitiriz, Ortigueira, Abegondo ou Ponteceso
Con todo, as cifras poden conducir á deshumanización de todas estas mozas e mulleres, cada unha delas cunha historia de vida e unhas circunstancias propias, coincidentes nalgúns puntos e completamente diverxentes noutros. Os motivos que as levan a exercer a prostitución son variados, aínda que todos eles xiran arredor dos cartos. A maior parte das mulleres fala dunha necesidade puramente económica, que se relaciona coas cargas familiares, aínda que tamén son habituais as historias de engano.
Así é que as actividades relacionadas co sistema prostitucional veñen motivadas polos rendementos monetarios, o que fai que a prostitución se interprete tamén como unha actividade económica na que, como en todo mercado, a oferta vai precedida sempre dunha demanda. Esta demanda, no caso da prostitución, parece nunca entrar en crise. Economicamente podemos considerala un produto inelástico, xa que o consumo se mantén constante a pesar do que poidan variar e oscilar os prezos. Economía mergullada e prostitución gardan por tanto unha relación determinante, na que esta última supón o 0,35% do Produto Interior Bruto español, o que se traduce nunha aproximación de 4.210 millóns de euros anuais.
DO
A PROSTITUCIÓN SUPÓN ANUALMENTE O
0,35% PIB
O QUE SE TRADUCE NUN
MILLÓNS DE €
TOTAL DE
4.210
Este dato obtense mediante indicadores indirectos, o que significa que a cifra do 0,35% é case con total seguridade máis baixa que a aportación real da prostitución ao PIB.
Mais non foi ata o ano 2014 que o Instituto Nacional de Estatística, o INE, comezou a incluír a prostitución nos rexistros económicos.
Esta acción responde ás esixencias europeas, en palabras de Melchor Fernández, director do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela, ata o de agora estaba recoñecido que había que contabilizar esa actividade, “pero realmente non se facía”.
Ao respecto, Fernández engade que “medilo é recoñecelo, un problema existe realmente cando o podemos cuantificar”. Ao mesmo tempo, os países infraestiman porque son actividades das que non se obteñen rendementos impositivos, e por tanto, calcular a cifra á alza impactaría negativamente na súas economías.
Ademais, a prostitución move diariamente uns cinco millóns de euros, cifras que en palabras de Melchor Fernández, catedrático de Análise Económica “son as mesmas nas que se sitúan moitos sectores dos que consideramos tradicionais”. Neste sentido, as actividades agrarias na súa totalidade non suman máis dun 3% dese PIB, polo que “a prostitución non está tan lonxe doutros sectores produtivos relevantes para a economía española”. En calquera caso, Fernández apunta tamén a que a tendencia ás transaccións electrónicas implicará un maior control, do que será difícil que se escapen estas actividades ilegais.
“A prostitución move diariamente uns cinco millóns de euros, que son cifras nas que se sitúan moitos dos sectores que consideramos tradicionais”
Melchor Fernández, catedrático de Economía
Pensando en económico estrito a prostitución sería unha competencia desleal cara outros sectores porque non asume todos os custos e externalidades do seu proceso produtivo, polo que, ao evitar o sistema impositivo, a rendibilidade é extraordinariamente alta. Para combater este tipo de actividades, a economía dispón de mecanismos como os impostos, que unidos á normativa, permiten, ou cando menos pretenden, reducir o consumo e demanda de determinados bens ou servizos mediante taxas impositivas altas.
Por outra banda, que esta actividade forme parte da economía mergullada significa que non se pode recoller na contabilidade oficial porque non tributa, é dicir, non paga impostos. Este dato resulta altamente relevante, xa que o PIB funciona como indicador de referencia para moitas outras actividades e accións que impactan directamente no día a día da poboación, especialmente da máis vulnerable. Este é o caso das políticas sociais, onde a realización de determinados trámites se basea nos indicadores de renda. Neste sentido, ignorar estas actividades pode implicar un salto dun indicador a outro, o que ten como resultado que a redistribución de fondos e a efectividade das acción políticosociais non se axuste ás necesidades reais da poboación.
Melchor Fernández, director do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC
Con todo, Fernández pon de manifesto “o pouco que sabemos os economistas sobre o conxunto da actividade”. Melchor engade que, ademais de todas as accións económicas que se poidan levar a cabo, é tamén a educación a que debe entrar en xogo para combater os puntos problemáticos do sistema prostitucional. “A economía non debería servir de xustificación para saltarnos a parte social e de valores... E aí non é a economía, é a educación”.