OnlyFans, o salto ao dixital
Unha plataforma con menos de dez anos de vida, que durante a pandemia multiplicou por oito os seus beneficios ata superar os 60 millóns de dólares. Unha migración dixital da prostitución ou unha nova rede social coa liberdade sexual por bandeira?
A prostitución e o mundo dixital
O mundo dixital constitúe un espazo no que conviven a misoxinia e o activismo feminista, movementos que loitan por facer crecer o seu peso na balanza. Precisamente, aínda que a rede aumenta a expansión de movementos reivindicativos, tamén permite o contacto de individuos que buscan outro tipo de obxectivos. Con este novo contexto, impulsado pola pandemia da covid-19, produciuse unha deslocalización e dixitalización do sistema prostitucional, cunha migración dixital tanto das mulleres en situación de prostitución como dos consumidores.
Produciuse unha deslocalización e dixitalización do sistema prostitucional, cunha migración dixital tanto das mulleres en situación de prostitución como dos consumidores
En 2016 nace OnlyFans, como unha plataforma pensada para que artistas puidesen compartir as súas creacións unicamente co seu público, os seus fans. Dous anos máis tarde, en 2018, e coa adquisición do 75% da rede social por parte de Leo Radvinsky, produtor do denominado cine para adultos, o principal obxectivo da plataforma experimenta un cambio substancial.
Catro anos despois do lanzamento de OnlyFans, en 2020, chega a pandemia da covid-19. Durante o mes de maio dese ano, a cantidade de persoas rexistradas na plataforma creceu nun 75% en España con respecto ao ano anterior. En total, durante a corentena e os meses posteriores ao confinamento, os novos usuarios sumaban arredor dun millón de persoas diarias. E as ganancias superaron en case cen mil millóns os ingresos do ano anterior. Este auxe da venda de contido sexual en liña relacionouse coa necesidade de “aumentar as ofertas na web pola limitación de movemento” á que fan referencia as entidades de atención a mulleres en situación de prostitución.
Evolución de beneficios e rexistros en OnlyFans
A cantidade de rexistros de creadoras e as subscricións dos fans aumentaron de xeito exponencial desde a pandemia da covid-19
Mais OnlyFans non é a única plataforma de comercialización da sexualidade, existen outras moitas cun funcionamento e fins similares: Manyvids, Justforfans, Membershyp, IWantFanClub, AVN Stars, FanCentro, InkedGirls, IsMyGirl, LoyalFans, MyGirlFund, MYM.fans, FanFix… A lista é bastante máis longa do que parece, aínda que en España e Galicia, e tamén en moitas outras zonas do mundo, OnlyFans é actualmente a máis popular.
Por outra banda, OnlyFans exerce un papel que se pode interpretar como proxeneta, xa que reserva para si un 20% dos beneficios das creadoras. OnlyFans, ademais, non se responsabiliza dos contidos que se publican na plataforma, amparándose no argumento de ser un mero “servizo de aloxamento de contidos”. O que as creadoras publican na plataforma deixa de ser seu para pasar a ser propiedade de OnlyFans, que ao mesmo tempo recibe ese 20% do que elas gañan. Para as entidades é claramente “a mesma estrutura que a prostitución”.
“É a mesma estrutura que a prostitución... ao final é un proxeneta, OnlyFans quédase cunha parte do diñeiro que ti gañas, e a cambio ofreces o teu corpo para que a persoa que che paga teña sexo”
Traballadoras da asociación Amar Dragoste
A propósito deste debate, as técnicas do Programa Vagalume apuntan que “o consumo de pornografía crea un imaxinario social que moitas veces se escusa na liberdade, e que para as mulleres constitúe realmente un contexto prostitucional”. Ao mesmo tempo, en palabras do Informe da Federación de Mujeres Jóvenes, OnlyFans é un “negocio encuberto de pornografía e prostitución integrado no mercado do sexo”.
As motivacións
A independencia económica e os ingresos conforman os principais motivos para a entrada en OnlyFans. Belén e María son creadoras de contido na plataforma, e aínda que as súas historias son diferentes, ambas coinciden en sinalar as necesidades económicas como a principal motivación para o seu emprego.
A historia de Belén
Belén Castaño chegou “de casualidade”, porque unha axencia se puxo en contacto con ela, e decidiu comezar a traballar con esa empresa. Co tempo, a experiencia e os coñecementos precisos para xestionar a páxina, rematou por abandonar esta axencia, pero non a creación de contido en OnlyFans. As motivacións de Belén tamén pasaron pola posibilidade de monetizar, unha cuestión que o contido que creaba para a rede social Instagram non lle permitía. Para ela, OnlyFans é unha forma de “converter os seguidores en ingresos”.
A historia de María
María, nome ficticio, comezou a empregalo con 26 anos, nun momento no que precisaba dun vehículo para desprazarse ao seu traballo. María escoitara algunha vez a posibilidade, e explica que, cando se mirou na necesidade, decidiu crear un perfil nesta plataforma. Foi tamén a liberdade económica que lle outorga OnlyFans a que lle permitiu independizarse. Agora, cunha bebé acabada de nacer, explica que “igual non tería unha filla se non tivese OnlyFans, porque non podería darlle o que lle estou dando”.
Con todo, ambas son conscientes de que un traballo deste tipo non é unha cuestión a longo prazo, de feito, mentres que Belén afirma que “seguirei con isto ata que poida”, María explica que non o considera a longo prazo, e que agora que acaba de ser nai, gustaríalle deixalo.
Como funciona OnlyFans?
“OnlyFans non suxire perfís como outras redes, o que chega vén doutro sitio, sempre, por ese motivo tes que ter outra plataforma”
Belén Castaño, creadora de contido en OnlyFans
OnlyFans non funciona como outras redes sociais, nas que o algoritmo realiza recomendacións de contidos e usuarios. Neste caso, as creadoras explican que Instagram funciona como porta de entrada a OnlyFans, porque en palabras de Belén, “todo o que chega a OnlyFans chega doutro sitio, sempre, por ese motivo tes que ter outra rede social”. Son moitas as usuarias que comparten “avances” do seu contido explícito noutras redes, para así atraer a usuarios. Este método consiste na denominada “estratexia de canles cruzadas”, baseada en enlazar o perfil de OnlyFans noutras redes sociais para dirixir tráfico de usuarios cara a plataforma. Instagram é unha das principais, posto que outras plataformas bloquean este tipo de enlaces.
Os ingresos: canto se pode chegar a gañar?
Belén, con 250 mil seguidores en Instagram, pediu unha excedencia do seu traballo para dedicarse unicamente á creación de contido en redes sociais, concretamente en OnlyFans, xa que lle permite obter uns ingresos moito máis altos. Ao mesmo tempo, ela explica que ese éxito na plataforma se debe ao alto número de seguidores do que dispón en Instagram, xa que non funciona igual o perfil de OnlyFans dunha rapaza con miles de seguidores en Instagram que cun puñado deles.
“Tiña outro traballo, pero agora mesmo gaño moito máis con OnlyFans, así que estou de excedencia”
Belén Castaño, creadora de contido en OnlyFans
Esta cuestión tamén a constata Christian, fotógrafo que realiza sesións para creadoras de contido en OnlyFans. El explica que coñeceu a unha rapaza que, ao obter maiores rendementos de OnlyFans que do seu traballo, “deixou ese traballo”, aínda que sendo consciente de que OnlyFans é unha fonte de ingresos finita e temporal. Porén, o 90% das rapazas emprégano como un extra a fin de mes, xa que non lles permite deixar o seu traballo. Da mesma forma, hai quen emprega OnlyFans de xeito espontáneo cada determinado tempo. É o caso de María, para quen OnlyFans funciona como unha ganancia extra, xa que a súa principal fonte de ingresos provén do seu emprego como traballadora social. Con todo, explica que “aínda que ás veces gaño máis con OnlyFans, non me dá a seguridade que me ofrece o meu traballo estable”.
“Non é o mesmo que eu teña un OnlyFans con 250 mil seguidores que unha rapaza decida abrirse un perfil con 7 mil seguidores: vanse filtrar os vídeos, vainos mirar moita xente, e vai gañar, como moito, 500 euros ao mes”
Belén Castaño, creadora de contido en OnlyFans
María fala de entre 1.000 e 2.000 euros ao mes sen apenas dedicarlle tempo, unha cifra que está moi condicionada pola cantidade de seguidores e por ese público fiel que se vai xerando co paso do tempo. Con todo, María tamén incide na cantidade de seguidores en Instagram, unha variable que inflúe directamente no éxito que se pode lograr en OnlyFans. Aínda que a estratexia e a psicoloxía tamén son determinantes nesta plataforma.
As consecuencias
Estar constantemente pendente do teléfono móbil, ou manter conversas interminables con persoas que finalmente non compran ningún contido, son algunhas das cuestións máis molestas da plataforma. Mais tamén o dano que pode causar a nivel psicolóxico. As creadoras de contido destacan a fortaleza mental que se precisa neste contexto, xa que a decisión de crear contido en OnlyFans non sempre é ben recibida pola contorna persoal, e a ausencia de control sobre o contido pode provocar que este se filtre e remate circulando fóra da plataforma.
“Antes de facer isto tes que poñer nunha balanza se a exposición que vas ter che vai compensar, tes que ser moi consciente de que se vas subir contido, é moi probable que se filtre”
Belén Castaño, creadora de contido en OnlyFans
A entrada en OnlyFans supúxolle a Belén ter que romper relacións familiares e persoais. Esta creadora de contido considera que cómpre valorar se “a exposición que vas ter che vai compensar”. Para María, a cuestión familiar tampouco é sinxela, apunta que “á miña familia dóelle que teña un perfil en OnlyFans”. Por outra banda, na plataforma tamén hai usuarios que tratan de traspasar os límites, insistindo para coñecerse en persoa ou ameazando con filtrar vídeos se ese encontro non chega a producirse. Neste sentido, é importante ter en conta o dano psicolóxico que OnlyFans pode causar, unha cuestión para a que tamén hai que estar preparada explica María, e na que entra en xogo a fortaleza mental.
“OnlyFans pode xerar dano psicolóxico se non es forte mentalmente, eu teño coñecidas que tiveron que borrar as súas contas”
María, creadora de contido en OnlyFans
As creadoras de contido con éxito na plataforma ofrecen en ocasións servizos de asesoramento a rapazas que comezan o seu percorrido. Outra estratexia máis profesional é a levada a cabo por axencias, grupos ou persoas que actúan como xestores de contido das usuarias de OnlyFans. O seu labor consiste en responder mensaxes de subscritores, venderlle contidos e tratar de captar novos seguidores.
As creadoras de contido en OnlyFans explican que as axencias realmente explotan ás mulleres, tratando de captar rapazas para quedar coa maior parte dos seus ingresos e despois “cambialas por outras”. Belén engade que a súa experiencia con estas axencias non foi agradable, unha opinión que comparte María, que as denomina “estafadoras” por buscan quedar con demasiada porcentaxe das ganancias das creadoras. Ademais, funcionan cunha planificación estrita baseada en “xerar, xerar e xerar economicamente” explica Christian, fotógrafo que realiza sesións con creadoras de contido e coñece de preto o funcionamento da plataforma.
As axencias
En Galicia existe unha axencia na Coruña, Christian e Belén Castaño saben que moitas creadoras falan desta empresa pero descoñecen se se trata dunha axencia formalizada ou alguén que simula conformar un grupo profesional. Con todo, sospeitan que se trata dun particular facéndose pasar por un grupo profesional.

Os chatters, algo así como conversadores en galego, son persoas que as axencias contratan para que respondan mensaxes que reciben as creadoras de contido, facéndose pasar por elas. A pesar de que estas ofertas de traballo se publican en grupos de Facebook e foros da rede, resulta especialmente complicado contactar con alguén que desempeñe estas funcións. Ante a imposibilidade de obter fontes, Brendan I. Koerner, xornalista estadounidense, decidiu infiltrarse el mesmo como chatter para coñecer de primeira man esta figura. Brendan explica que conseguir o traballo resultoulle especialmente complicado, xa que en calquera lugar solicitaban experiencia previa como chatter, mesmo a pesar dos baixos salarios, duns catro dólares a hora (3,50 euros ao cambio), con arredor dun 1% de comisión. Esa comisión procede do verdadeiro obxectivo das conversas, a venda de contidos que non figura na páxina inicial da modelo e que adoitan resultar moito máis explícitos.
Ademais, hai tamén axencias que ofrecen formación para adquirir un maior nivel de coñecementos dentro da plataforma. Estas sesións formativas están seguidas de varios tests, tanto de idiomas como de simulacións de conversas. As axencias encargadas son as mesmas que centralizan diversas conversas nun espazo onde un chatter debe contestar decenas de mensaxes nun minuto. Son conversas que mesmo esixen un cambio de rexistro radical, tal e como explica Brendan.
A figura do chatter
Brendan I. Koerner, exinfiltrado como chatter
A maior parte das persoas que exercen este traballo, segundo explica Brendan, son persoas novas que o empregan como unha fonte de ingresos para pagar os seus estudos ou obter un extra a fin de mes. Con todo, Brendan advirte que non se trata dun posto sinxelo, e que para desempeñar estes labores “tes que ter un determinado tipo de personalidade”.
“É un traballo psicoloxicamente difícil, tes que estar cómodo
co contido sexual, é moi explícito”
Brendan I. Koerner, exinfiltrado como chatter
Christian representa outra das caras da plataforma, el é fotógrafo e realiza sesións con creadoras de contido de OnlyFans. Unha amiga súa era creadora de contido na plataforma e propúxolle realizar unha sesión para o perfil. A raíz dese traballo, coñeceu a outras rapazas e “foi un pouco bóla de neve”, explica, “acabas facendo rede de contactos”. Unha práctica habitual no seu traballo é a de que varias modelos se xunten nun piso, que alugan especificamente para esa sesión de fotos, e aproveiten o mesmo encontro para que todas elas poidan realizar fotografías.
A fotografía
Ademais, Christian emprega Patreon, unha plataforma cun funcionamento similar a OnlyFans pero que na súa maioría continúa mantendo o propósito co que naceu: compartir fotografías profesionais sen ningún tipo de connotación sexual. Precisamente, a pesar de ser similar, non goza de tanta fama como OnlyFans porque a cantidade de persoas que o empregan para publicar contido explícito é moito menor. Inicialmente, Christian empregaba Patreon como un lugar onde subir fotografías de paisaxes. Mais unha vez que comezou a publicar contidos explícitos “o perfil comezou a coller unha temática”, polo que xa resultaba máis fácil que os novos usuarios que chegaban, quedasen. En consecuencia, alcanzar a máis xente implica que a cantidade de cartos que se xeran son maiores que no caso de fotografía paisaxística ou inanimada.
Christian Albor, fotógrafo de creadoras de contido en OnlyFans
Christian Albor, fotógrafo de creadoras de contido en OnlyFans
“Estás metido indirectamente no mundo de OnlyFans e de Patreon, en realidade directamente, porque son eu quen lle fai as fotografías”