top of page

A saída da prostitución

“Pasar de 0 a 100 na prostitución é moi difícil, é un proceso transitorio. Nós chamámoslle círculo prostitucional porque a prostitución é un lugar do que é moi difícil saír, e máis cando levas moito tempo” - Belén López e Tatiana Conde, técnicas de atención directa a mulleres en situación de prostitución 

“Saír de forma autónoma da prostitución é moi complicado, porque cando te atopas nesa situación toda a túa contorna tende a xirar na mesma dirección” explica unha traballadora social de atención directa a mulleres en prostitución. Fontes da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero engaden que a saída resulta especialmente difícil, e que de feito as entidades buscan diferentes opcións de axuda ata esgotar todas as vías posibles para facelo. 

“O que me din os servizos sociais é que ese expediente se denegou e non hai nada que facer. Podía solicitar o Ingreso Mínimo Vital, pero debía vivir un ano soa e eu non tiña capacidade económica para subsistir ese tempo” 

Verónika Arauzo, extraballadora sexual e activista

Verónika Arauzo é extraballadora sexual, agora tamén activista. A súa relación coa prostitución non se vincula cunha historia de trata nin de explotación, aínda que si cun exercicio que nace das necesidades económicas. Verónika relata cales foron os obstáculos que se interpuxeron na súa busca dunha alternativa á prostitución como vía de ingresos. Despois de que os servizos sociais denegaran o seu expediente, a única alternativa dispoñible implicaba vivir un ano soa, unha situación para a que ela “non tiña capacidade económica”.

Verónika,

a saída en primeira persoa

No caso das situacións de prostitución forzada, as entidades afirman que a acollida é a saída máis segura, pero que é o Estado quen conforma unha das principais barreiras. Neste sentido, as traballadoras de atención directa denuncian que “ser vítima de trata dá acceso a unha serie de recursos e condicións ás que outra muller en situación de prostitución non ten acceso”. Esta deriva resulta da situación legal da prostitución, onde a trata si é considerada un delito, á vez que a prostitución non o é. Mais demostrar a condición de vítima de trata tampouco resulta doado en todos os casos, “e esa cuestión só axuda a que a prostitución se volva crónica” apuntan traballadoras das entidades. Con todo, non é preciso formalizar unha denuncia para acceder a recursos asistenciais se es vítima de trata, e de feito en Galicia existe a acreditación administrativa da condición de vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou vítima de explotación sexual.

As vítimas de trata 

Belén López, técnica de atención directa a mulleres en situación de prostitución 

“Ser vítima de trata dá unha categoría e un acceso a recursos que a outra muller en situación de prostitución non se lle concede” 

Por outra banda, as entidades ofrecen atención integral a todas as mulleres en situación de prostitución, independentemente de que o Estado brinde máis facilidades a unhas que a outras. Ao comezo, cada muller mantén unha entrevista de acollida para coñecer as súas demandas e detectar as súas necesidades. Posteriormente, durante o proceso, as asociacións “acompañan nas decisións, pero non se forza a ningunha muller a que inicie un camiño ou outro” explican as propias traballadoras. Trátase de procesos individuais onde moitas veces se toman decisións que non van en liña coa saída da prostitución, pero que as entidades respectan “sen impoñer o noso pensamento e criterio”.

No momento de producirse a entrada nun local de prostitución, os Corpos e Forzas de Seguridade tenden a solicitar a documentación principalmente e preferentemente ás mulleres, sendo moi raro que fagan o mesmo cos propietarios do club ou cos clientes presentes. O propio EMUME (Equipo Muller e Menor) da Garda Civil da Coruña explica que as mulleres en situación de prostitución rexeitan de primeiras aos axentes, xa que descoñecen a situación legal en España, e por tanto non saben se as poderían deportar, ou se é lícito exercer a prostitución

Intervencións policiais

As mulleres pensan que van revisar a súa documentación e ser expulsadas. Ao mesmo tempo, as migrantes realizan analoxías cos Corpos e Forzas de Seguridade dos seus países de orixe, habitualmente corruptos.  Esta circunstancia, unida á presenza dos explotadores, impide que as mulleres poidan denunciarPor este motivo, en moitos casos trátase que persoal das entidades de atención directa acuda ás entradas policiais nos clubs e pisos, xa que as mulleres adoitan prestarse a falar con elas antes que cos axentes. 

Con todo, aínda que as mulleres sexan levadas a unha comisaría coa súa situación irregular como escusa, o feito de que interpoñan unha denuncia resulta especialmente complicado. Por un lado, os proxenetas fan uso de ameazas como as débedas ou o dano ás súas familias nos países de orixe. Por outro lado, “o proceso de denuncia é moi duro, moi longo e durante todo ese tempo desde que se interpón a denuncia as mulleres quedan desamparadas” explica Tatiana Conde, do Programa Vagalume. Esas mulleres contraen débedas pola súa viaxe ata Europa, posúen cargas familiares nos países de orixe, e precisan como toda persoa, dun recurso de aloxamento e da cobertura das necesidades básicas. Míranse nunha situación de ausencia absoluta de alternativas, e nada lle garante a estas mulleres que o proceso vaia ter éxito, nin que a regularización lles vaia permitir atopar un traballo que lles ofreza estabilidade económica e social.

O regreso ao sistema prostitucional

Unha vez fóra, a volta ao sistema prostitucional é frecuente, xa que moitas das mulleres atópanse coaccionadas polos proxenetas. Á vez, existen necesidades sociais e económicas como o envío de diñeiro ás familias, ou a propia manutención persoal. Esta situación xera un elevado gasto que fai moi difícil que a muller poida pensar en abandonar a prostitución.  

Amais, o feito de que as circunstancias e o contexto persoal estean constantemente vinculados coa prostitución “aumenta as probabilidades de que esa saída se prolongue ou nunca chegue a suceder” apuntan desde a asociación Amar Dragoste. Ademais, aínda que unha muller inicie un recurso de acollida, o feito de que a súa mente continúe disociada da realidade fai que, ata que esa disociación desapareza, o risco de recaer na prostitución sexa especialmente alto

Traballadora na atención directa a mulleres en situación de prostitución 

“A vinculación continua coa prostitución aumenta as probabilidades de que esa saída se prolongue ou nunca chegue a suceder” 

Tamén pode suceder que as circunstancias e o contexto familiar desa persoa, así como as condutas que observou ao seu arredor, xerasen traumas psicolóxicos que a leven a regresar á prostitución. Noutras ocasións, suceden casos de saída cun consumidor de prostitución, que con complexo de salvador “rescata” a esa muller da situación de sometemento. En palabras das traballadoras das entidades, non é máis que “saír dunha situación de explotación para entrar noutra, na dun home que ten a sensación de se sentir heroe” pero que non é mais que un consumidor de prostitución. 

bottom of page